Saturday 11 de May de 2024

A Mancomunidade de Ordes aposta un ano máis por Deseñando o teu futuro


O Pleno da entidade aprobou a solicitude para adherirse ao dito plan formativo por segundo ano consecutivo, así como polo transnacional xuvenil Galeuropa

O Pleno da Mancomunidade de Ordes acordou na súa sesión correspondente ao mes de xuño solicitar da Consellería de Política Social a súa inclusión no programa Deseñando o teu futuro de cara á vindeira tempada estival. Trátase dunha iniciativa formativa dirixida a mozos e mozas de 14 a 18 anos de idade, que permite visitar e desempeñar funcións en empresas e entidades públicas ou privadas durante catro horas diarias ao longo de quince días.

A Mancomunidade de Ordes xa participou nesta iniciativa cuns resultados altamente satisfactorios tanto por parte das firmas e entidades como dos máis de 30 mozos e mozas da comarca participantes. Todas e todos eles tiveron a oportunidade de adquirir experiencia laboral e coñecementos relacionados con: carpintería metálica e de madeira, automoción, panadería, sector lácteo, hostalaría, industria madeireira, agricultura e administración.
O prazo de preinscrición para as 30 prazas que se ofertan abrirase a partir do vindeiro 26 de xuño. O trámite poderase levar a cabo ben nas oficinas situadas nos baixos da alameda da vila de Ordes ou ben a través do teléfono 981680002. Deste xeito quérese apoiar a formación da mocidade para que adquiran coñecementos e habilidades que axuden a completar o seu desenvolvemento tanto persoal como profesional. Con este obxectivo prioritario facilítase un primeiro contacto co ámbito laboral no seu contorno máis inmediato. As persoas participantes percibirán unha dieta diaria de 6 €, ademais de ter cubertos os gastos derivados da organización ou participación nas actividades.

Formación europea
Por outra banda no pleno tamén se acordou solicitar a inclusión no programa de transnacional xuvenil Galeuropa, organizado pola Consellería de Política Social, dirixido ás persoas actualmente inscritas no sistema nacional de garantía xuvenil. O obxectivo máis inmediato pasa por reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais das persoas mozas non ocupadas nin integradas nos sistemas de educación ou formación. En vindeiras datas, tras notificación pública, a Mancomunidade de Ordes abrirá o prazo de inscrición para poder formar parte do dito programa.